Quinteto Pentravesía. Ciclo Novos Intérpretes

Details
Date:

Novembro 17

Time:

09:00 p.m. - 10:00 p.m.

Organizer

Barbanza ao Vivo

Website: Organizer's Website
Venue

Auditorio de Rianxo

Paseo da Ribeira, 120

Rianjo, Spain, 15985

O Concello de Rianxo organiza por primeira vez o CICLO DE NOVOS INTÉRPRETES, no que dá cabida á promoción de músicos profesionais nacidos ou estreitamente vinculados con Rianxo e coa Escola de Música de Rianxo.
Continuando o Ciclo de Novos Intérpretes o vindeiro venres 17 de novembro, ás 21.00 horas, terá lugar na Sala Arcos Moldes do Auditorio de Rianxo un concerto a cargo do Quinteto Pentravesía. Pentravesía: cinco viaxes, cinco intérpretes con espírito innovador, cinco ventos que sopran desde o mar e nos fan viaxar cos seus sons inspiradores.

Dentro do mundo da música de cámara hai formacións diversas, con maior ou menor número de intérpretes, e habitualmente cun común denominador para os instrumentos que os conforman. Historicamente a formación de quinteto de vento é das máis novas, aparecendo as primeiras composicións orixinais a principios do século XIX, afianzándose o grupeto no século XX ao convertirse nunha das opcións máis recurridas polos compositores de música para pequenos grupos do momento.

O quinteto que hoxe participa neste Ciclo de Novos Intérpretes nace no 2016, cando os seus membros se xuntan coa vontade de cultivar música cunha dose importante de creatividade, implicación, diversión e profesionalidade. Teñen claro que xuntarse para tocar é fabuoso, e cando ademais cada un dos membros dá o mellor de si, implicándose man a man cos compañeiros, o resultado pode ser dunha gran calidade musical e humana.

Sabela Galbán, Sara Fernández, Daniel González, Ana Vergara e Javier Sánchez. Tamén conxugados Rianxo, Compostela, Pontevedra, O Rosal e Ávila. Ou de como buscar o común denominador dunha frauta, un óboe, un clarinete, unha trompa e un fagote. Aínda que Pentravesía conta só cun ano de vida, os seus membros son músicos experimentados no quefacer musical. Formados nos seos das bandas de música que os viron medrar, titulados superiores en cadanseu instrumento, mestres de pequenos talentos e colaboradores habituais de orquestras sinfónicas do panorama estatal.

Un mar de música é o proxecto que nesta ocasión nos presenta Pentravesía. Nel artéllase o plano sonoro que é propio dun quinteto cun plano poético-visual. Músicas de Hahn, Taffanel, Mozart e Arnold mergulladas na poesía de Manuel Antonio -poeta do mar- e apoiadas polas imaxes mariñeiras de O lecer fai culleres.

Miñas donas, meus señores: respiren fondo, reláxense e preparen os cinco sentidos para recibir este mar de música, de gosto e recendo salgado, da man de Pentravesía.

Pentravesía Quinteto Sabela Galbán Rodríguez Rianxeira Sara Fernández Precedo Daniel González Penas Ana Vergara Perez Javier Sanchez Gonzalez
Xuventude Rianxo Biblioteca Municipal Rianxo Servizo De Normalización Lingüística Concello de Rianxo